Debate sobre do libro Saberes de María Da Vrea
Carlos Solla
Varela,
tamén coñecido como Calros Solla, (nado en Pontevedra o 2 de
abril de 1971) é un filólogo, escritor e etnógrafo galego.
Desde os anos 90 centra a súa actividade cultural na
investigación e valoración do patrimonio material e inmaterial da Terra de
Cerdedo (colección de ensaios Cerdedo na viaxeira) e, concretamente, no estudo
e promoción do Monte do Seixo (Proxecto Montaña Máxica).
Na súa faceta exploratoria, descubriu ou
colaborou na descuberta, valorización e divulgación de máis dun cento de sitios
arqueolóxicos na comarca de Terra de Montes (petróglifos, mámoas, castros...).
No eido histórico, etnográfico e divulgativo,
forneceu as coleccións Cerdedo in the Voyager e Solea Scripsit con vinte e nove
títulos, entre os que destacan: Monte do Seixo. O santuario perdido dos
celtas (2008), Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo
e República en Cerdedo (2016), O legado dos homes pequenos. Gravados
rupestres de Cerdedo (2017), Crónica da Galiza
bizarra (2021), O Campo das Laudas. Alcouve da Memoria en
Cerdedo (2022)
Así mesmo, como colaborador da asociación
cultural e ecoloxista Vaipolorío, deu ao prelo: Andar primeiro de río.
Inmateriais do río dos Gafos (2009), O río da memoria. Cartafol do
río dos Gafos (1745-1970) (2014), Os espellos do pasado. A lenda
dourada do Gafos (2019) e Auga mol en pedra dura. Inmobiliario
etnográfico do río dos Gafos (2023).
A comezos deste ano e co gallo da homenaxe ás cantareiras e á
poesía popular no Día das Letras Galegas, Calros
Solla en Edicións Morgante publicou Saberes de María da Vrea. Tradición
oral da freguesía de Folgoso (Cerdedo). O libro foi presentado na Biblioteca de
Soutelo de Montes (Forcarei) o pasado 10 de maio na compaña da propia María
Fraiz.
Na xuntanza e debate deste luns 29 de setembro, tivemos a
sorte de contar coa presenza de María
Fraíz –María da Vrea–, de 92
anos de idade, é natural do lugar de Covas, en Folgoso (Cerdedo). Posuidora
dunha memoria prodixiosa, atesoura no seu maxín unha cumprida mostra do noso
acervo tradicional: coplas, oracións, recitados, adiviñas, trabalinguas,
refráns, contos, romances, cancións... As e os alí presentes podemos gozar das portentosas calidades de
María Fraíz, non só memorísticas, senón tamén como narradora oral.
Da súa propia voz fomos deleitadas e deleitados con algúns
pasaxes do propio libro:
O cura, cando vai aos enterros/fora,
déixalle dito á criada:
veña tarde , veña cedo,
deitate na miña cama!
O cura mais a criada
ordenaron de cocer(e),
a leña estaba no monte
e a fariña por moer(e).
O cura que me casou
debía de estar borracho,
sequera me preguntou
se era femia ou era macho.
Cinzarrada
Sale la señorita Mónica
con la mano en la cintura;
sale diciendo su
madre:
¡ten paciencia criatura!
Sale la señorita Carmen
con la mano atravesada;
sale diciendo su madre:
¡que siga la cinzarrada!
Así entre adiviñas, refráns, contos
e outros moitos saberes inéditos do profuso libro, pasamos unha entretida tarde
deste luns de outono.
Lémbramos con gozo que os membros da SLTO decidiron hai uns meses
concederlle por unanimidade á nosa veciña o premio Mestra da Memoria 2025. A
cerimonia de entrega dos Premios Mestras/Mestres da Memoria celebrarase con
toda solemnidade na cidade de Lugo o vindeiro mes de outubro. María Fraíz
Canaval recollerá o seu galardón a carón do grupo de investigación etnográfica
Equipo Chaira (Antonio Reigosa, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero e Xoán R.
Cuba), merecentes así mesmo deste senlleiro recoñecemento.


Moitas grazas señora María por compartir con nos a sua sabiduría e podela escoitar da sua propia voz . Momentos entrañables e divertidos. 🫶
ResponderEliminar